O X Festival Galego de Cabaré centra hoxe a súa programación nos máis pequenos. A praza da Constitución transfórmase esta tarde nun pequeno cabaré infantil. Contos como “As mil e unha noites”, “Rapunzel” ou “Os tres porquiños” chegan coa súa versión máis divertida e cabareteira.
Un orixinal espectáculo que consiste na instalación dun teatro ao modo dunha barraca de feira, como un circo antigo. Nesta barraca Nelson Quinteiro e a súa pulga Jacinta Florette farán as delicias dos máis pequenos con versións divertidas e cabareteiras dos contos populares. Rapunzel, ou a moza que non se quería depilar, Os tres porquiños bravos ou O flautista de Hamelín transformaranse nunha versión “moito máis cómica e musical”. Ás 20.30 horas na Praza da Constitución.