O seu proxecto contempla a recuperación das infraestruturas ferroviarias existentes para poñer en marcha un tren-tranvía que melloraría a comunicación en toda a Área, sendo Redondela un dos concellos máis beneficiados. A Asociación de Veciños de Chapela convoca hoxe venres ás 20:00 horas unha reunión no Multiusos do Piñeiral na que o enxeñeiro presentará o proxecto que ao seu entender “debería ser unha das grandes apostas da Área Metropolitana”.
O inxeñeiro vigués Juan Álvarez Villar impartirá unha charla coloquio esta tarde na que atenderá ás dúbidas dos veciños e trasladará aos asistentes o seu proxecto consistente en crear unha rede de 94 kilómetros para mellorar a comunicación en transporte público aproveitando as vías ferroviarias actuais. O proxecto tería un custe de 24 millóns de euros e unha media de usuarios que roldaría os 75.000 diarios. Asegura Álvarez Villar que un dos concellos máis favorecidos con este proxecto sería Redondela, e máis concretamente a parroquia de Chapela “cuxos veciños mellorarían as súas conexións con Vigo e co resto dos concellos da área, daríalle un plus social ao rehabilitar a vía actualmente en desuso e suporía un descenso do tráfico que circula tanto pola autoestrada como polas vías que cruzan a parroquia”. Insiste ademais en que recuperar a vía, actualmente invadida de maleza, non suporía demasiados problemas “ao estar en relativo bo estado”. Reflexiona tamén en torno a outros proxectos que contemplan levantar a vía e converter ese espazo nunha senda verde “non parece que haxa ningún movemento nese sentido e sería ademais renunciar ao soño de calquera cidade: ter unha vía de entrada á cidade sen necesidade de facer grande obras ou túneles”. O proxecto, que este arquitecto elaborou coma un traballo de fin de carreira e recibiu a cualificación de sobresaínte, contemplaría habilitar dúas liñas ferroviarias en Chapela, unha cara a Guixar e outra a Urzaiz, incluíndo zona de paseo e carril bici. Unha iniciativa que foi aprobada no pleno do pasado mes de xullo a instancias da Asociación de Veciños quen solicitaron unha serie de melloras que pasan por construír un apeadeiro na actual liña que discorre pola parte baixa da parroquia e que desemboca na estación de Guixar, así como incrementar o número de frecuencias e abaratar o billete para facelo competitivo e que se volva abrir a liña que remata na estación de Urzaiz. Os interesados en coñecer máis polo miúdo esta proposta poden achegarse esta tarde ao Multiúsos do Piñeiral en Chapela ás 20:00 horas.