A Agrupación de Electores de Redondela organiza este mércores ás 20:00 horas a proxección da película documental Franskestein-04155 na que se analizan as causas que provocaron a maior traxedia ferroviaria en Galicia que tiña lugar o 24 de xullo de 2013 e que deixaba un tráxico saldo de 81 falecidos e máis de 140 feridos. Ao rematar a proxección terá lugar unha charla coloquio co seu directo Aitor Rei. Unha actividades que organizan un día antes da presentación dunha moción no pleno do xoves en nome da Plataforma das vítimas do Alvia.
Que hai detrás do accidente ferroviario do Alvia 04155, cales son as causas e quen tomaron as decisións que contribuíron de xeito decisivo a esta catástrofe son as preguntas fundamentais ás que quere dar resposta este documental que se poderá ver no Multiusos de Redondela o vindeiro mércores.
Dirixida por Aitor Rei, existe detrás desta cinta un traballo de investigación cuxa finalidade principal é arroxar luz sobre unha traxedia que segundo denuncia os afectados pechouse en falso e cun único culpable, o maquinista.
Un documental rodado co financiamento obtido a través da rede nunha plataforma de microfinanciamento e no que se analizan as causas dun accidente que, ao entender das vítimas, podería terse evitado e cuxa responsabilidade recaería en directivos de empresas públicas, políticos e ministros.
No pleno do xoves AER presentará unha moción a petición da Plataforma das Vítimas do Alvia no que se reclama entre outras cuestión que o concello reciba aos seus integrantes para coñecer as súas demandas e reivindicación e que se solicite ao goberno do estado que encargue a unha comisión de expertos e técnicos independentes a investigación do ocorrido.