O vindeiro 11 de outubro o pavillón da Marisma acollerá a I Gala do Deporte de Redondela, que repartirá premios en nove categorías diferentes. Mellor deportista masculino e feminino do ano, tanto en sénior como promesa, mellor club e adestrador, mellor deportista discapacitado e tamén dous recoñecementos especiais ao mérito deportivo e á mellor entidade colaboradora.
Deste xeito a concellaría de Deportes de Redondela quere recoñecer o mérito á trintena de clubs que traballan en Redondela con máis de 2.000 licenzas, entre deportistas sénior e das bases. Desde hai varios anos que o Concello traballa na posta en marcha deste evento, que recibiu un pulo coa chegada de Mougán á concellaría. O edil salienta que, coa colaboración dos clubs, este ano verá a luz a primeira edición, na que todas as modalidades e categorías do deporte redondelán “estarán representadas”. O novo pavillón da Marisma foi o lugar elixido para a celebración da gala, xa que para Mougán o fundamental é que o deporte sexa “o gran protagonista”. Por iso entende que o mellor lugar para celebrar esta homenaxe son as novas instalacións deportivas. Alí a organización prepara un gran espectáculo “moi visual” no que todos os participantes se sentirán “como verdadeiros deportistas en competición”. O concelleiro, que non quixo adiantar detalles do evento, avanzou que haberá “moitas sorpresas” nunha noite que promete será “impactante” para os deportistas e o público en xeral. O edil recoñeceu que existe xa “moita expectación” entre os clubs, que amosaron desde un primeiro momento a súa satisfacción pola celebración desta gala en Redondela, e afirma que o evento “non os defraudará”. Candidaturas O domingo 11 de setembro finaliza o prazo de presentación de candidaturas para as sete categorías, máis dous recoñecementos especiais. As propostas, que poden realizar tanto os clubs como persoas físicas ou xurídicas con sede en Redondela, deberán tramitarse a través do rexistro xeral do Concello. O xurado contará con polo menos seis persoas que se ofrezan voluntarios, tamén do mundo do deporte, apartado para o que tamén se aceptan solicitudes. O xurado determinará os gañadores nas distintas categorías, e a entrega de premios realizarase na I Gala do Deporte de Redondela, o 11 de outubro no pavillón da Marisma a partir das 20.00 horas.