A asociación redondelá de familias de nenos e nenas con necesidades especiais organiza o vindeiro 8 de outubro unha completa xornada con conferencias, obradoiros e exposicións que busca informar, formar e asesorar a todas aquelas persoas interesadas en diferentes cuestión relacionadas cos trastornos do desenvolvemento. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro día 30 e o prezo é de 20 euros, material incluído. Toda a información pódese atopar no enderezo andainaredondela.wordpress.com
Pais e nais, docentes, médicos e toda aquelas persoas interesadas pode achegarse a esta actividades organizada pola Asociación Andaina. Unha xornada que contará coa presenza e intervención do catedrático de Medicina Legal e director da Fundación pública galega de medicina Xenómica, Ángel Carracedo, quen falará da situación actual da xenética nos trastornos do desenvolvemento. O presidente de Andaina, Antonio García cualificaba de “todo un luxo” poder contar con que é “unha eminencia nese campo” que trasladará aos asistentes os avances que se están a dar neste ámbito e que conlevan tamén avances nos tratamentos de moitos afectados por diferentes patoloxías causadas pola alteración dun xenoma. A continuación a traballadora social do Concello, Alejandra Fernández Conde centrará a súa ponencia nas axudas e subvencións ás que poden acceder ás familias de nenos con necesidades especiais. En horario de tarde impartiranse os obradoiros que pretenden trasladar aos participantes técnicas para o desenvolvemento da autonomía persoal, a cargo do profesor de educación especial Isaac Costas López, así como ferramentas prácticas para a inclusión dos nenos nas aulas. Neste caso contarase con docentes dos colexios de Santa Mariña de Redondela, Beatriz López Pires e Amelia Lago Andión, e da tamén profesora Emilia Jesús Losada do Colexio Igrexa de Chapela. Haberá servizo de gardería e tradutor de linguaxe de signos. Ademais dende o 20 de setembro poderase visitar no Multiúsos unha exposición fotográfica elaborada por Olga Lalín, Paula Verde e Esther Medraño.