Os de Redondela afúndense na zona de descenso logo da derrota no Baltasar Pujales, onde o Rápido de Bouzas foi moi superior a un Choco lastrado polas baixas. Antes do descanso os vigueses xa sentenciaran o encontro co 3-0 no marcador. Na segunda parte Molinos marcou para o Choco o gol da honra, pero os vigueses aínda tiveron tempo de anotar o cuarto.
Terceira División
Rápido de Bouzas 4-1 C.D. Choco
O equipo de Marcos Montes está lonxe da imaxe das dúas últimas tempadas, e a última derrota déixaos en posicións de descenso directo tras gañar un único partido dos catro disputados. Moi feble na defensa, o Rápido soubo aproveitar as debilidades dos redondeláns. Diego Vieytes adiantou aos locais ao cuarto de hora de partido. E dez minutos antes do descanso o partido xa estaba resolto para os vigueses. Carlos Pereira superou a Cortegoso pasa facer o segundo gol e no minuto anterior ao descanso foi Pardavila o que marcou o terceiro tanto de vantaxe. Marcos Montes fixo cambios no Choco, retirou a Carlitos e entrou Gonzalo despois do descanso, pero non lle deu o resultado. Continuaron as ocasións locais, aínda que o Choco recortou diferenzas por medio do seu capitán Molinos a falta de dez minutos para o final. E nesa recta final aínda tivo tempo o Rápido de marcar o cuarto gol, obra de Diz. Un resultado que deixa ao Choco na zona baixa e o peor, con malas sensacións. Lastrado polas lesións, Marcos Montes ten que buscar un equipo competitivo nos próximos días para enfrontarse o vindeiro domingo en Redondela ao líder da categoría, o Vilalbés.
Segunda Autonómica
Choco B 0-1 Tyde
O filial do Choco comezou a liga na segunda autonómica cunha derrota pola mínima ante os tudenses. A próxima xornada visitan o campo do Progresista.
Zacande 4-1 Arcade
O Arcade recibiu unha dura goleada no partido da estrea ligueira. O domingo xogará o primeiro partido na casa, recibe ao Unión Dena.
Terceira Autonómica
At. Vilar 1-3 Chapela
O Grupo 14 comezou con derbi local entre Vilar e Chapela que se saldou a favor do equipo visitante. Na próxima fin de semana o Chapela recibe ao Peñasco e o At.Vilar xoga no campo do Alcabre.
Beretes Chapela 0-0 Arenas de Alcabre
Empate sen goles no primeiro partido de liga para o Peña Beretes. A próxima xornada xogan no Monte da Mina ante o Pereiró.
Lavadores 2-3 Nespereira
O equipo de Pazos gañou en Vigo o primeiro partido de liga nun encontro con moitos goles. O domingo estréanse na casa ante o Gondomar.