O adestrador do Choco recoñece que as numerosas lesións están a prexudicar ao equipo, que se atopa nunha situación “delicada”. Con tan só unha vitoria en catro xornadas, os redondeláns terán outra dura proba o domingo ante o líder, o Vilalbés.
Desde que comezou a temporada o C.D. Choco acumula cinco importantes baixas: Silva, que arrastra unha pulbalxia que os médicos valoran se precisará intervención cirúrxica; Óscar que ten para un mes na enfermería; Richar, que se incorpora en 15 días; Suso, pendente dunha resonancia e o porteiro Adrián, que esta semana se sumará xa aos adestramentos. Ás baixas médicas súmase esta temporada a ausencia de xogadores importantes como Hugo Sanmartín ou Fernando Beltrán, que agora militan no Coruxo. Ademais, o feito de que o Choco se clasificara para o “play-off” a pasada campaña obrigou aos xogadores a prolongar a temporada un mes máis, o que lles restou tempo de descanso. Con todo, e malia a delicada situación do equipo en postos de descenso, Montes afirma que “non é preocupante”, xa que só pasaron catro xornadas. Asegura que co traballo diario e a recuperación paulatina dos lesionados o equipo mellorará nas vindeiras xornadas. Sinala que nin o equipo é agora “tan malo” nin cando se clasificaron para a fase de ascenso eran “o mellor Choco de todos os tempos”. Recoñece que o equipo ten que dar “un paso adiante”, e o próximo chanzo é un duro rival. O domingo visitan o campo do Vilalbés, líder do grupo e que conta todas as xornadas como vitorias. Pero o adestrador redondelán advirte que os lucenses tamén teñen “eivas”, e que o seu obxectivo será aproveitarse delas e evitar “os erros propios”. O encontro será no Estadio Municipal A Magdalena