O novo Plan de Usos e Viabilidade do Castelo, promovido dende a Deputación, ten como obxectivo definir o seu novo papel ofertando un novo produto de turismo cultural e de lecer para impulsar o seu rendemento. Conta cun orzamento para esta lexislatura de entre 3 ou catro millóns de euros. Unha das primeiras actividades consistirá na posta en marcha de visitas teatralizadas que terán lugar a partir do 23 de setembro de xoves a domingo cun custe de 2 euros.
“O modelo de produto polo que imos apostar para o Castelo de Soutomaior -tal e como subliñou a presidenta da deputación Carmela Silva- é convertelo nun espazo de lecer familiar, a aposta máis seria e que pode dar maiores rendementos”. Para elo crearase unha experiencia turística de calidade, aumentando este aspecto tanto na atención ó visitante como nos recursos e servizos ofertados, que aporte maior goce e coñecemento do recinto.
A Presidenta da Deputación detallou as catro áreas de intervención no Castelo de Soutomaior que xirarán ó redor do parque, do castelo, do enoturismo e da hostalería. No parque realizaranse melloras nos xardíns, plantacións e parque forestal (xa en curso); enriqueceranse as cultivas; dotarase de accesibilidade e mobilidade ó recinto (en curso); completarase o equipamento do parque; crearanse paseos e itinerarios polo recinto, áreas de picnic, merendas, obradoiros, etc.; impulsaranse actividades e exposicións, festas e mercadillos temáticos, teatros, música; poranse en marcha parques e espazos de xogos infantís así como micro-paisaxes ligadas ás colleitas e realizaranse recollidas de colleitas.
En canto ó castelo, conformarase unha área de recepción de visitantes con información, tenda e aseos; potenciaranse as dependencias para eventos, reunións e congresos; impulsarase un espazo de aprendizaxe e realizaranse visitas animadas, guiadas, dramatizadas, nocturnas, ceas medievais, concertos, teatro, contacontos, cinema temático, etc.
Ó respecto do enoturismo, realizarase un complexo da camelia cunha casa do té e no que terán lugar xornadas, talleres florais e de cosmética e tamén un completo do enoturismo con adega, cata-degustación, exposicións, visitas a viñas e eventos corporativas do viño.
E en relación á hostalería ampliarase a oferta de aloxamento diúrno para eventos con cabanas e ampliarase a oferta de restauración con caterings, picnics, autoservizo, vending, etc.
Visitas teatralizadas
Entre o 23 de setembro e o 23 de outubro desenvolveranse as visitas teatralizadas que permitirán coñecer este enclave turístico dun xeito diferentes. Durarán aproximadamente 45 minutos e nelas actores e actrices, vestidos de época, revivirán algúns momentos da historia do castelo. Durante o percorrido, que se vai desenvolver tanto dentro como fóra do castelo, os visitantes poderán ver desde a Pedro Madruga, ata María Vinyals ou Emilia Pardo Bazán.
As visitas, que terán lugar de xoves a domingo (os xoves e venres ás 5 da tarde, os sábados ás 11 da mañá e ás 5 da tarde e os domingos ás 11 da mañá) terán un custe de 2 € e necesitan reserva previa por teléfono en Turismo Rías Baixas.