A arteria que atravesa a parroquia de Chapela dese o Alto dos Valos ata o cruce das Catro Pontes será remodelada con melloras na seguridade viaria e no saneamento. Beirarrúas máis anchas e novo alumeado público modernizarán o entorno.
Os traballos, cun orzamento de 2,3 millóns de euros, comezarán no primeiro trimestre de 2017, e contan cun prazo de execución de 18 meses. A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou que mañá mércores a Xunta iniciará a contratación das obras. Fíxoo onte en Redondela, onde mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde, Javier Bas. A responsable de Infraestruturas e Vivenda da Xunta explicou que se trata dunha obra ambiciosa para mellorar a seguridade e a mobilidade na zona. Trátase da primeira fase de reurbanización da estrada ao longo de 1 quilómetro e incluirán a renovación das beirarrúas, que serán ampliadas para facilitar o tránsito de peóns nesta zona da Praza de Abastos e da alameda. O proxecto contempla a mellora da totalidade dos servizos urbanos, cunha nova rede de abastecemento, saneamento, alumeado e canalizacións eléctricas. O investimento da actuación ascende a 2,3 millóns de euros, do que case un 80% será achegado pola Xunta. O 20% restante, arredor duns 485.000 euros, que se corresponden co custo das melloras dos servizos de saneamento e pluviais, serán financiados polo Concello de Redondela. Vázquez Mourelle indicou que o proxecto xa está redactado e aprobado para levar a cabo esta primeira fase. Mañá día 21 publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o comezo da contratación dos traballos co obxectivo de inicialos no primeiro trimestre de 2017. O prazo de execución é de 18 meses. A remodelación da rúa inclúe a construción dunha rotonda para facilitar o acceso á praia de Arealonga, e tamén melloras na intersección da baixada a Pescanova, para facilitar a entrada e saída dos camións. O proxecto contempla a creación dunha rotonda neste cruce, que sería “rebasable” para mellorar a circulación na zona, e para a que non se precisaría facer expropiacións, segundo explicou a consellería. O alcalde redondelán lembrou que se trata dunha actuación moi necesaria e demandada polos veciños de Chapela. O obxectivo é consolidar nesta zona un núcleo urbano con beirarrúas máis anchas. Un entorno mellor humanizado e máis accesible tanto para os peóns como para os condutores. Segundo a Xunta as obras contrataranse no primeiro trimestre de 2017, e deberían estar rematadas o outono de 2018.