O Xurado valorou entre as máis de 70 candidaturas que se presentaron este ano aos premios convocados pola Concellería de Deportes co obxecto de recoñecer o labor de deportistas e entidades que destacasen de xeito especial ao longo da última tempada. Uns premios que se entregarán o vindeiro 11 de outubro no pavillón da Marisma e na que se recoñecerá tamén o apoio da empresa Recambios Ochoa ao deporte local.
O xurado non o tivo doado á hora de decidir os premiados nesta I gala do Deporte que repartirá premios en nove categorías diferentes. Un dos premios máis discutidos, polo elevado nivel das candidaturas, foi o de mellor deportista masculino, que recaeu finalmente no laureado xogador de fútbol, Pablo González Couñago. E precisamente o equipo de fútbol no que militou este xogador, o equipo de 3ª división do Choco foi elixido como o mellor equipo de Redondela, recoñecéndolle o xurado a súa traxectoria que nas últimas tempadas o levaron ás portas do ascenso e a facerse coa copa Deputación no 2015 e 2016. A xogadora de balonmán Xeila Fervenza é recoñecida como a mellor deportista feminina, unha moza formada nas filas da SAR que actualmente forma parte do equipo da máxima categoría do balonmán feminino, o Mecalia Atlético Guardés. Nas categorías promesa recoñécese o traballo de Antón Pérez (Redondela F.S.) Iñaki Míguez (SAR) e María Figueroa (CD Choco). Premiase ao nadador do Racing de Chapela, Mauro Rodríguez e ao “todoterreo” Fran Somoza como mellores deportistas discapacitados. Moi disputado tamén o premio do mellor adestrador, galardón que recae no ciclista e responsable da Escola de Ciclismo de Redondela, Marcos Serrano e no adestrador de balonmán Manuel Lovera. Hai ademais dous recoñecementos especiais, un a Recambios Ochoa “por apoiar de xeito ininterrompido ao deporte local nas súas diferentes modalidades” e a Gene Muiños, que recollerá o premio ao mérito deportivo. Mougán destaca a súa labor como promotor e organizador do Mundialito da Xunqueira dende os seus inicios hai 34 anos de vida así como o seu compromiso continuado tanto co Choco como con outros clubs.