As continuas avarías na rede de abastecemento de auga da rúa Cruceiro trae aos veciños de cabeza. Hai dous anos que as roturas son continuas, e deben convivir coas fugas, cortes de auga e “remendos”. Ante a falta dunha solución definitiva por parte de Aqualia e o Concello organizaron unha recollida de sinaturas. Xa as presentaron no Rexistro Municipal para denunciar a situación de “abandono” na que viven.
Denuncian que os arranxos feitos ata o de agora son só “remendos”, e demandan unha “solución integral”. Emilio explica que a acometida de auga na rúa “está mal feita” e que é necesario levantar toda a rúa para facela de novo. Desde hai preto de dous anos os rebentóns nas tubaxes son frecuentes por toda a rúa. Isto implica cortes no subministro de auga que en ocasións se prolongan ata 12 horas, e tamén cortes de tráfico durante as reparacións que impiden a circulación e o acceso aos garaxes. Os problemas máis frecuentes dánse entre a rúa Cruceiro e Loureiro. Segundo denuncia Isaac “ás veces pasan varios días ata que se repara a fuga”. E o problema non é só a auga que corre pola superficie, senón a que o fai de xeito soterrado. Olga advirte que debaixo da rúa a auga debe estar facendo estragos, o que pode acabar afundindo o firme e provocar “unha desgracia”. Cansos de que as súas queixas non obteñan resposta por parte do Concello nin de Aqualia, a empresa concesionaria, organizaron unha recollida de sinaturas. Xa presentaron o escrito por rexistro no Concello, esixindo a renovación integral da acometida de auga na rúa. Mar salienta a unanimidade de todos os veciños ante esta demanda. Afirma que “non se trata dunha cuestión política ou de ideoloxía”, senón dunha necesidade real. Aos problemas da rede de abastecemento únese o tráfico rodado pola rúa. A actual situación da rúa ten parte de culpa, segundo denuncia Manuel. Coa última reforma as beirarrúas quedaron “ao mesmo nivel” que o tramo por onde circulan o tráfico, o que leva a moitos coches e camións a circular por riba da zona reservada a os peóns. O peso dos vehículos “provoca máis roturas”, polo que este veciño entende que a reforma debería “elevar as beirarrúas e baixar o nivel da zona de rodaxe” para evitalo. Agora agardan unha resposta por parte do Concello. Malia que desde o goberno local xa lles informaron de que non hai orzamento para levar a cabo esta obra, confían en que esta situación que consideran “de urxencia” se resolva.