A produtora Educateatro Producións ofrecerá dúas funcións este domingo no Auditorio da Xunqueira ás 17:00h e ás 19:00h. As entradas xa están á venda no Multiúsos por un prezo de 5€ e 3€ reducida. A dirección do espectáculo corre a cargo do redondelán Paulo Medal. Logo da estrea en Redondela, a adaptación do clásico de Carlo Collodi percorrerá nos vindeiros meses un total de 14 localidades con 20 funcións, entre as que se atopan Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Narón ou Ourense.
EducaTeatro Producións estrea este domingo, 9 de outubro, no Multiúsos da Xunqueira a súa nova proposta teatral, O mundo máxico de Pinocho “unha curiosa adaptación ao teatro musical do clásico de Carlo Collodi” en palabras do produtor Xandre Vázquez quen salienta o difícil traballo de adaptación que supuxo condensar en 60 minutos este clásico da literatura. “Un espectáculo multidisciplinar que mestura diferentes técnicas, como o teatro musical con voz e piano en directo, a maxia de grandes ilusións, as sombras chinesas e os corpóreos”. Un completo espectáculo no que a participación do público será constante, e que está especialmente pensado para o público familiar con cativos a partir de 2 anos. Unha historia contada a través dos ollos de Pepiño Grilo, que xunto coa Fada Mimadriña, Raposo e Gato acompañará a Pinocho no camiño de converterse nun neno de verdade. Un camiño que comeza no taller de Gepetto, e que pasará pola escola, por un circo de monicreques onde un malvado titiriteiro intentará raptalo e ata pola barriga dun peixe xigante. Todo para que o protagonista aprenda que dicir mentiras ten as súas consecuencias. Ao finalizar a función os pequenos terán ademais a posibilidade de fotografarse cos personaxes da obra nun photocall que permitirá aos nenos achegarse ao teatro dun xeito diferente. Unha proposta cultural que chega avalada polo AGADIC, cuxo director Jacobo Sutil lembrou que dende este organismo apoianse aqueles proxectos que polas súas características serven para fomentar as artes escénicas, o teatro e o propio idioma. As entradas para a estrea, a un prezo de 5€ adultos e 3€ cativos, estudantes, parados e xubilados, xa están á venda na conserxería do Multiúsos da Xunqueira. De non esgotarse, venderanse tamén o mesmo día dende as 16:00h. O director da compañía espera repetir con este novo espectáculo os éxitos acadados coas dúas obras anteriores, as tamén adaptacións de clásicos da literatura infantil como “Carapuchiña vermella” e os “Tres porquiños”. Espectáculos que están xa a traducir ao castelán co obxecto de iniciar unha xira fóra de Galicia.