A I Gala do Deporte converteuse nun recoñecemento ao intenso labor que realizan os deportistas, adestradores e institucións. Case 400 persoas asistiron no pavillón da Marisma á primeira edición dun acto no que se entregaron doce galardóns e que contou coa presenza dos responsables municipais así como numerosos representantes dos clubs locais e de federacións galegas.
Nesta primeira edición, celebrada na tarde noite do martes no novo pavillón da Marisma, entregáronse doce distincións, todas elas decididas por un xurado composto por representantes dos clubs e que tiveron que elixir entre as 71 candidaturas presentadas.
Javier Bas, alcalde de Redondela, puxo énfase “no traballo que desenvolven todos, tanto os premiados como aqueles que día á día esfórzanse cos máis novos e sacan adiante os seus proxectos deportivos”.
Julio Mougán, concelleiro de Deportes, insistiu en que se pode pensar que os premios son individuais ” pero creo que son compartidos, xa que detrás de cada triunfo, vitoria ou esforzo hai un colectivo de adestradores e familias que o fan posible”. O representante municipal sinalou que “Redondela vai polo bo camiño e a nosa intención é reforzar ese proxecto dentro das nosas posibilidades”.
Entre os galardoados a título particular estaban os deportistas Pablo González Couñago, actual xogador do Alondras, declarado mellor deportista masculino e Xelia Fervenza, actual compoñente do Mecalia Guardés, mellor deportista na categoría feminina e o Club Deportivo Choco recibiu o premio ao mellor equipo do concello.