Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco deixa escapar a vantaxe ante o Deportivo

RR_Noticias

Unha vez máis o campo coruñés resísteselle aos redondeláns. Malia comezar gañando con dous goles de vantaxe, os de Marcos Montes remataron derrotados e en postos de descenso. Na Segunda Autonómica o filial do Choco empatou co Louro, co que comparte o liderado. O Arcade venceu ao San Andrés.

Terceira División
Deportivo B 4-2 Choco
Os redondeláns tiveron na man rachar co maleficio, buscaban a primeira vitoria da historia como visitante ante o filial coruñés e anotaron dous goles en media hora, obra de Róber e Yago Vázquez. Pero o Choco rematouo derrotado, cun lesionado e dous expulsados nunha xornada negra. Os goles redondeláns chegaron cedo. O primeiro tras unha combinación iniciada por Oki, con intervención de Félix e disparo de Rober que abría o renovado marcador da Cidade Deportiva El Mundo del Fútbol. Ao fío da media hora, Yago Vázquez rematou unha falta lateral de Gabi Misa para dar unha vantaxe de dous goles ao Choco. A partir de aí o partido torceuse. O central Monsalve recortou diferenzas cun disparo desde a frontal da área antes do descanso. Despois do paso por vestiarios a situación empeorou. Domingo empatou o partido tras recoller un pase e superar a Cortegoso. Seis minutos despois, o dianteiro puxo en vantaxe ao Deportivo. Cando o Choco xa ía por detrás no marcador, Gándara foi expulsado con vermella directa. Neses minutos a situación para os de Marcos Montes empeoraban e perdían pouco a pouco as opcións de puntuar en terras coruñesas. Alberto Rei lesionouse e tivo que retirarse do campo. Xa no desconto, Rober viu unha segunda cartolina amarela e o Choco quedou con oito xogadores sobre o terreo de xogo. Logo aínda chegaría o tanto de Galán para rematar aos de Redondela, que están agora en descenso. Na próxima xornada reciben en Santa Mariña ao Ribadumia.
Deportivo B: Anxo, Blas Alonso, Arnau, Monsalve, Lucas, Hugo Rama (Ndiaye, min. 38), Óscar García Pinchi (Jorge Carreón, min. 80), Queijeiro, Domingo, Álex Corredera (Dá Silva, min. 86), Galán.
Choco: Cortegoso, Gonzalo, Yago, Lucas, Gándara, Alberto Suárez, Roberto, Gabi Misa (Feijóo, min. 72), Comis, Oki (Alberto Rei, min. 64), Félix (Óscar Pérez, min. 53).
Goles: 0-1, min. 25: Rober; 0-2, min. 29: Yago Vázquez; 1-2, min. 33: Monsalve; 2-2, min. 51: Domingo; 3-2, min. 56: Domingo; 4-2, min. 89: Galán.
Segunda Autonómica

Choco B 1-1 Louro
A primeira metade comezou con temor por ambas as partes, sen moitas ocasións. O gol de Eloy, desde o punto de penalti adiantou ao Choco ao bordo do descanso. Na segunda metade, o equipo de Redondela foi mellor, dominou e tivo ocasións por parte de Manu, César e Eloy. Con todo, outro penalti polémico puxo a igualada no marcador, que sería xa definitivo. Choco e Louro comparten liderado. Desde esta posición o Choco B desprázase para xogar o domingo no campo do Sampaio, da metade da táboa.
Arcade 3-1 San Andrés
O Arcade impúxose ao San Andrés, sentenciando o encontro xa na primeira metade con tres goles. Os de Praceres recortaron distancias, pero non foi suficiente. O Arcade escala posicións na táboa. A próxima xornada xogará no campo do pechacancelas, o Vilagarcía.
Terceira Autonómica

Chapela 4-3 Vincios
Dous goles de Rafa, un de Darriba e outro en propia meta déronlle a vitoria ao Chapela. O encontro foi moi movido, e con ocasións para ambos equipos. Porque malia que o Chapela comezou gañando, o Vincios remontou con tres goles antes do descanso. Logo do paso por vestiarios os redondeláns tiraron de coraxe e volveron adiantarse. Adiantan así ao Vincios e póñense 2º na táboa. O domingo xogan no campo do pechacancelas, o Casablanca.
Peña Beretes 0-0 At. Vilar
Como xa acontecera no Trofeo Concello de Redondela, o Peña Beretes sorprendeu ante o Vilar, e conseguiu sumar o seu segundo empate, neste caso sen goles. Na próxima xornada o Beretes Chapela xoga no campo do Peñasco, mentres o Vilar ten xornada de descanso.
Cesantes 4-0 Caroi
A goleada do Cesantes asinárona Canario, romero, Cobi e Kalú. As malas condicións do campo, enchoupado pola chuvia e feito un lameiro, fixo imposible un bo xogo, situación da que os redondeláns saíron beneficiados. O Cesantes, que agora á 6º, xogará o domingo no campo dun dos líderes do grupo, o Atl. Estación.
Nespereira: descansou. A próxima xornada recibe ao Balaídos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará