O concello de Redondela, a través da Concellería de deportes, solicitou esta xuntanza logo das queixas de pais, nais e alumnos que lles trasladaron a problemática en torno á falta de limpeza no pavillón do Instituto, unhas instalacións que en horario matinal son empregadas polos alumnos do centro e que en horario de tarde serven para acoller os adestramentos de diferentes clubs deportivos. O concelleiro de deportes Julio Mougán lonxe de sinalar culpables entende que o prioritario é buscar solucións.
Dende o propio centro de ensino denunciaban días atrás que os equipos que acoden a esas instalacións en horario non lectivo deixaban o pavillón nun estado deplorable que non permitía o seu uso nunhas condicións minimamente hixiénicas. Unhas queixas que chegaron tamén ata o Concello, motivo polo que o departamento de deportes dúas semanas atrás xa solicitou unha reunión co inspector de educación. A xuntanza na que estarán presentes tamén membros do equipo directivo do IES Mendiño terá lugar este mércores e o obxectivo é “definir un protocolo de organización” que garanta o bo uso das instalación e evitar así conflitos sobre quen é o responsable de que non se estean as respectar as normas de limpeza. Mougán lembra que esa colaboración entre concello, institutos e clubs deportivos ven de lonxe e que tanto no IES Pedro Floriani como no Illa San Simón existe esta colaboración sen que se teñan producido problemas. Engade o edil de deportes que malia carecer o Concello de competencia en canto a limpeza dos institutos é obriga do seu departamento intentar chegar a un entendemento entre as partes . Ademais de definir unhas pautas de limpeza non descarta estudar se é preciso revisar a compensación que estes institutos reciben por ceder as instalación e sufragar así o gasto que provoca o seu uso por parte dos clubs. Respecto das queixas do centro sobre o estado no que se atopa a pista do pavillón, insiste Mougán en que a competencia do concello é garantir o bo estado das instalación municipais.