Está aberto xa o prazo de inscrición para participar neste curso que se desenvolverá durante 8 sesións, con inicio o día 1 de decembro e remate o 2 de febreiro. Unha actividade organizada pola Fundación Filomena Rivero en colaboración co concello de Redondela quen asinaron un convenio de colaboración para a realización deste taller que leva por nome expresión e Impresión e que ten como finalidade a integración de nenos con diversidade funcional. En total hai ofertadas 14 prazas para nenos e nenas a partir de 6 anos de idade, das que se reservan 7 prazas para rapaces con diversidade funcional. A inscrición debe efectuarse antes do 28 de novembro nas oficinas de servizos sociais.
Os obxectivos xerais comprenden a evolución cognitiva dos nenos con diversidade funcional, o coñecemento do seu propio corpo e a conexión coa natureza, a consecución da autonomía persoal e a interacción con outros rapaces. Isto téntase de conseguir mediante xogos simbólicos e o uso da arte como elemento educador e transformador.
O taller, totalmente gratuíto correrá a cargo da Fundación Filomena Rivero Alonso, financiado pola Caixa comprometéndose o concello a ceder as instalacións ademais de prestar o apoio loxístico. Toda a información pode atoparse na páxina web do concello (www.redondela.es).