Unha modalidade deportiva que baixo o lema “primeiro pensa, despois corre” está aberta a todo tipo de públicos e idade. Esta primeira carreira de orientación organizada pola Concellería de deportes e coordinada pola asociación de montañeiros A Roelo de Pontevedra, desenvolverase o domingo 20 a partir das 10:00 horas cun percorrido completamente urbano. O prazo de inscrición, que se pode formalizar a través da páxina web do concello, remata este xoves.
As carreiras de orientación consisten en percorrer un itinerario determinado visitando uns puntos nos que hai colocadas unhas balizas. Un percorrido que se realiza coa axuda dun mapa e, as veces, dun compás ou brúxula. Unha modalidade deportiva que conta con numerosos adeptos segundo explica Ricardo Figueroa, da Asociación de montañeiros A Roelo. O seu atractivo principal radica en que os participantes deben sumar diferentes cualidades, xa que o máis importante non é correr senón desenvolver a capacidade para ler o mapa e saber cales son os nosos puntos de destino. Habitualmente estas carreiras desenvólvense no medio natural, pero nesta primeira organizada en Redondela o percorrido vai ser totalmente urbano, permitindo achegarnos a lugares descoñecidos ou nos que non reparamos habitualmente. Haberá ademais dúas categorías para unificar o máximo posible as características dos participantes e regular nivel de esixencia física, con dous percorridos diferentes, un para menores de 9 anos que irán acompañados de adultos e outro para adultos.