Os nacionalistas trasladaron ao alcalde, Agustín Reguera, unha solicitude para que poña fin ao que denominan “carencias democráticas que non poden ser toleradas nunha sociedade de dereito” e que segundo din van dende a imposibilidade dos veciños para dirixirse á oposición na casa do concello até negativas e atrancos para exercer o dereito á consulta de expedientes, pasando polo feito de que se convoquen os plenos nun horario de imposíbel asistencia para a veciñanza.
Entre os asuntos que os nacionalistas entenden que deben ser revisados por parte do goberno local atópanse “os atrancos para que a veciñanza e os seus representantes consulten expedientes no concello” ou a “a prohibición do PP para que a oposición estea presente nas Xuntas de Goberno Local”.
Reclaman tamén que se modifiquen os horarios dos plenos que actualmente se realizan ás ás 13:30h do mediodía “un horario que fai imposible a participación” e que se dote aos grupos da oposición dun espazo dentro do propio concello para poderen atender aos veciños que queiran dirixirse a eles “a pesar de que o BNG leva anos solicitando un dereito tan elemental como este, dende o PP impídeno sen rubor algún. En Soutomaior a casa do Concello é a Casa do PP e esta confusión non é tolerábel en pleno século XXI” conclúe o representante do Bloque, Manu Lourenzo.
Para abordar todas estas cuestión solicitan unha xuntanza aberta, convocando mesmo aos veciños e a prensa para que todo o mundo poida verificar o compromiso das partes para acadar un Soutomaior máis democrático e respectuoso cos dereitos da veciñanza.