A vitoria da pasada xornada ante o líder, o Lume, permitiulles pechar unha negativa xeira de catro derrotas. Superar a un equipo que chegaba invicto a Redondela supón unha gran inxección de moral para os xogadores, que esta fin de semana afrontan o derbi ante o Campito coa mesma intensidade.
O adestrador, Manuel Otero, amósase aliviado logo deste triunfo, xa que o equipo encadeaba unha serie de resultados negativos, mermado polas lesións que nas últimas xornadas os privaron de ata cinco xogadore. A vitoria, ademais de permitirlles sumar tres puntos importantes, supón máis confianza para os xogadores. Un dos máis veteranos, Juan Puertas, recoñece que o equipo necesitaba gañar un partido deste xeito, cun gol no último segundo. Con todo, advirte que o nivel de intensidade que demostraron ante o Lume debe ser o mesmo co resto de rivais se queren seguir avanzando na competición. Otero confía na calidade dos seus xogadores, e malia que sigue vendo como favorito ao Lume, pensa que o Redondela pode estar entre os tres mellores ao remate do campionato, sempre que os respecten as lesións. Agora pensan no partido co Campito, un derbi que os levará a Chapela a próxima fin de semana. Recoñecen que o nivel do rival dista moito do da pasada campaña, xa que sufriron moitas baixas, pero advirten que non poden fiarse da súa posición na táboa. O veterano Puertas, que militou en equipos de Primeira e Segunda División en Pontevedra, Santiago, Talavera ou Granada, tamén viviu a experiencia profesional de xogar na liga italiana e a de Kuwait. Agora, de volta na casa, amósase afortunado por ter vivido esas experiencias, e seguir agora gozando do deporte preto da súa familia e amigos. A piques de cumprir 37 anos, o veterano xogador é todo un referente no vestiario, e un “espello” no que se queren ver reflectidos todos os deportistas das categorías inferiores do Redondela F.S.