O PSOE faise eco das queixas da veciñanza sobre o panel publicitario de Chapela situado na Avenida de Vigo que obstaculiza a visibilidade dos vehículos, motivo polo que solicitan o seu cambio de localización.
Unha empresa privada colocou nas rúas de Redondela, mediante a aprobación do Goberno Municipal, varios puntos de reciclaxe de pilas e lámpadas e paneis publicitarios. A instalación e mantemento de ditos puntos nas vías públicas é asumida pola empresa a cambio dos cartos que recibe polo aluguer do espazo para publicidade. A situación dos dispositivos suponse que non pode obstaculizar, tanto a visión dos condutores como impedir o paso dos viandantes. Pola contra, o panel publicitario que se atopa en Chapela na Avenida de Vigo, está a impedir a visibilidade aos numerosos vehículos que se incorporan a Avenida de Vigo dende a rúa Manuel Rodríguez. E outro dos puntos, o cal se atopa na Rúa Alfonso XII, está a bloquear o tránsito dos viandantes ao cortar o paso entre o quiosco e a beirarrúa cando é unha zona de confluencia pola parada do autobús e negocios próximos.