A moción presentada polo PSOE no último pleno municipal, e aprobada cos votos a favor de todos os grupos da oposición, persegue que se negocie coa Autoridade Portuaria e coa Xunta a posibilidade de derivar o tráfico de camións que se dirixen ao parque empresarial da zona do litoral de Chapela a través da baixada a Aucosa. Solicitarán tamén que se inclúa na obra de remodelación da Avenida de Vigo a creación de prazas de aparcamento, principalmente nos terreos da estación de Renfe. O PP non apoiou a proposta alegando que “as melloras solicitadas xa están en fase de negociación”.
Estímase que diariamente circulan pola Avenida de Vigo entre 80 e cen camións en dirección ás empresas que se atopan no litoral. Dende hai anos os veciños da zona veñen solicitando que se constrúa un ramal polo litoral que una a rúa José Fernández, tamén coñecida como Baixada a Pescanova, coa Baixada a Aucosa. Isto permitiría desviar todo o tráfico pesado que actualmente circula polo casco urbano de Chapela. Afondando nesta idea, os socialistas volveron solicitar ao goberno local que retome as conversas coa Autoridade Portuaria -que ten a competencia sobre os terreos- e a Xunta para que ese ramal sexa unha realidade. A demanda é tan só unha das incluídas na moción presentada polos socialistas, quen critican que a obra que se vai realizar en breve nun tramo da Avenida de Vigo suporá a eliminación de máis de 70 prazas de aparcadoiro “prazas xa de por si insuficientes nunha zona de moita poboación e moitos servizos” motivo polo que entenden que se debería aproveitar esta obra que vai comezar no primeiro trimestre do 2017 para crear novas prazas de aparcamento. A proposta do socialistas pasa por crear aparcadoiros en batería nun lateral da estrada e por negociar con Renfe o uso dos terreos da estación para este uso. Unha demanda que foi aplaudida polos concelleiros de AER e polo edil do BNG, quen salientou a importancia de que a obra da Consellería de Infraestruturas que se vai realizar ao longo dun quilómetro e que conta cun orzamento de 2,3 millóns de euros supoña unha ampliación das beirarrúas, pero sobre todo, insistiu na idea de que é “urxente eliminar o tráfico pesado por unha zona moi poboada e que discorre ao carón da alameda e o parque infantil”. Os populares argumentaron a súa abstención neste asunto alegando que “xa hai conversas que permitirán preparar os terreos de Renfe no entorno da estación para que poida servir de aparcamento”.