Dous individuos entraron na oficina de correos de Chapela, situada nas inmediacións do Instituto da parroquia e fixéronse cun botín de 12.000 euros. Os feitos, que están sendo investigados pola Policía Nacional, tiveron lugar o venres da pasada semana pero non transcenderon ata o de agora.
Pasaban das dúas da tarde do pasado día 9 cando dúas persoas entraron na oficina de correos de Chapela, un deles ocultando o seu rostro cun casco de moto. Unha vez dentro sacaron unha pistola coa que ameazaron á empregada e máis ao director da oficina, esixíndolles que lles entregaran os cartos da caixa. Fixéronse así cun botín de 12.000 euros e fuxiron do lugar. Unha semana despois descoñécese quen foron os autores do atraco aínda que o suceso foi xa denunciado e está sendo investigado pola Policía Nacional.