Os últimos ataques ao patrimonio público, como as pintadas nos parques infantís ou o estrago das pasarelas de Monte Penide é “intolerable”, segundo os veciños de Redondela. Advirten que a falta de vixilancia policial facilita que estes actos vandálicos queden impunes, e lamentan a falta de educación e civismo de mozos “e non tan mozos”.
O da pasada semana non foi o primeiro acto vandálico que se produce no parque infantil do Campo da Feira, pero si o máis grave, xa que afectou á toda a zona da caseta e a diferentes xogos. Usuarios como Eva, que frecuenta o parque coa súa nena, lamenta esta situación. Entende que falta vixilancia policial “para evitar estas desfeitas”, que non deberían quedar impunes. Tamén Francisco acude ao parque regularmente coa súa neta, e denuncia que sempre hai quen deixa lixo e non respecta o mobiliario público que se paga “cos cartos de todos”. No que coinciden a maioría dos veciños, é en que faltan medios para controlar as zonas públicas de todo o municipio. Maribel sinala que unha única patrulla da policía local en horario nocturno “non é suficiente” para cubrir todo o municipio, polo que sería necesario dispoñer de máis axentes. Pero a falta de vixilancia policial non é o único problema que apuntan os redondeláns. A falta de “educación e de respecto” é outra das eivas. Silvia entende que “algo falla” nas familias cando os rapaces cometen actos vandálicos deste tipo, lamenta que ás novas xeracións “non se lle poñen límites na casa”. No caso de Monte Penide, as pasarelas sufriron un terceiro ataque esta semana. O valado de Chan da Cruz apareceu serrado. Todo apunta a que o autor sería o mesmo veciño que xa fora identificado como autor dos danos no mesmo lugar o pasado día 5 logo de que parte dos taboleiros de madeira roubados nesa ocasión foran localizados nun galpón. Ramón cualifica os feitos de “vergoñentos” e entende que se a investigación determina que é culpable “debe pagalo”. Son casos distintos de vandalismo, e segundo Marta, o perfil dos vándalos é tamén diferente. Se no caso das pintadas dos parques ten claro que se trata de “rapaces novos”, en desperfectos como os de Monte Penide ou o banco do Campo da Rata, en Cedeira, pensa que se trata de persoas adultas. Sospeita que detrás hai “enfrontamentos veciñais” ou “envexas” entre Comunidades de Montes.