Logo do triunfo con goleada ante o Octavio, os de Carlos Rey viven o descanso de Nadal con máis tranquilidade. O 26 de decembro retoman os adestramentos para preparan a cita co Acanor Novás, o 14 de xaneiro. No club preparan tamén o II Memorial Juan Bouzón de categorías base, que se disputará os días 23, 26 e 27 de decembro nos pavillóns da Bomboneira e A Marisma.
Os redondeláns de Primeira Nacional colleitaron unha importante vitoria ante o Octavio, co que afrontan con optimismo o parón de Nadal na competición.O técnico, Carlos Rey, amósase “moi satisfeito” co rendemento dos xogadores. Sinala que se trata dun equio “moi novo”, e remarca o mérito de ter goleado aos vigueses cun plantel cunha media de idade de 19 anos. Advirte que cometen erros “pola falta de veteranía”, pero prognostica que a medio prazo a SAR contará cun equipo “con todas as garantías”. Os máis novos contan ademais co apoio dos máis veteranos nun vestiario “moi unido”. Rey agradece o traballo de xogadores “curtidos” como Juan, Marcos ou Antón, que dan “confianza e moral” aos que teñen menos experiencia. Esta semana gozarán duns días de descanso, pero o próximo luns 26 retoman os adestramentos. Antes da cita de liga co Acanor Novás, que será o 14 de xaneiro, disputarán algún partido amigable. Queren estar en boa forma para afrontar o 2017 “coas máximas garantías”. A cita no Rosal será complicada, ante un dos equipos que estaba chamado a pelexar polo fase de ascenso, malia que nesta primeira metade do campionato non estean a cumprir coas expectativas. O técnico redondelán recoñece que será un partido “moi complicado”, pero advirte que sairán a por todas xa que teñen “moito que gañar e nada que perder”. II Memorial Juan Bouzón O club organiza o II Memorial Juan Bouzón de categorías base, que se disputará os días 23, 26 e 27 de decembro nos pavillóns da Bomboneira e A Marisma. Tres días de competición cos equipos masculinos e femininos das escolas deportivas, benxamíns, infantís, cadetes e xuvenís, ademais dos sénior de categoría autómica. Este torneo é un xeito de “manter vivo o recordo de Juan”, como explica o presidente da SAR, Aurelio Krook. Bouzón, que formaba parte da directiva da SAR, traballaba coas categorías da base. Na homenaxe participan SAR, Balonmán Chapela, Teucro, Seis do Nadal e Pavillón Ourense.