A canteira do balonmán da bisbarra dase cita no pavillón municipal de Chapela, que acolle ata o xoves o seu tradicional torneo de Nadal en homeanxe a Gerardo Méndez. Nesta edición participan equipos das categorías inferiores de Cangas, Octavio, Moaña, SAR e Chapela, organizadores do evento.
As categorías que compiten son prebenxamín, benxamín, alevín mixto e infantil masculino e feminino. A actividade comezou onte para os máis pequenos, que disputaron a fase de grupos durante toda a xornada, para terminar pola tarde cos cruces en busca da primeira posición. Un dos organizadores, Juan Lampón, salienta que o torneo é “un premio” ao traballo dos máis pequenos, que ao longo de todo o ano adestran e compiten cos seus clubs. Nestas datas de Nadal, coas vacacións escolares, aproveitan para gozar do seu deporte favorito nunha competición na que os seus familiares os acompañan e animan desde a grada. Hoxe disputarán os seus partidos os equipos que pertencen á categoría infantil masculina, o mércores competirán os equipos de infantil feminino e o xoves rematarán o torneo cos equipos de alevín mixtos. Desde xeito o club quere dar protagonismo aos máis pequenos, xa que a canteira é “fundamental” na filosofía do club de Chapela. O obxectivo, como explica Lampón, é que os equipos sénior do club se nutran dos xogadores da base para as categorías de Nacional masculina e a División de Honra prata feminina. O Torneo de Nadal serve como homenaxe a Gerardo Méndez, xornalista vigués e adestrador no Balonmán Chapela nas últimas décadas. Foi o promotor do torneo de Nadal, e faleceu inesperadamente en xaneiro de 2013. Desde ese ano o torneo do Nadal adquiriu o seu nome.