A Coca Simona e o viaduto de Redondela decoran xa o parque infantil da Alameda. Uns murais obra do artista local Sergio Leirós, que serviron para tapar as pintadas que a principios do pasado mes de decembro estragaron este espazo. O concello confía en que os vándalos respecten estas imaxes que xa decoran o parque e lle dan unha renovada imaxe.
A idea de tapar as pintadas froito do acto vandálico do pasado mes de decembro xurdiu do propio artista, quen se ofreceu a plasmar o seu traballo sobre a parede da caseta que pais e nais empregan habitualmente para dar de merendar aos pequenos.
O traballo consistiu en realizar un mural da paisaxe de Redondela sobre as pintadas. Unha iniciativa que dende o concello confía que serva para disuadir de futuros actos vandálicos.
Sergio Leirós naceu na parroquia de Vilar hai 19 anos. Xa dende moi novo mostrou inquietudes artísticas polo que dirixiu os seus estudos polo bacharelato artístico. A súa especialidade é a ilustración sacando o ano pasado o título superior de Ilustración en Ourense. Agora mesmo atópase en Madrid estudando Ilustración editorial. Traballa moitas técnicas pero a súa especialidade é a acuarela aínda que non fai moito adentrouse no street art e gustoulle tamén esta parte da pintura polo que comezou a poñela en práctica. Ademais da paisaxe na que resalta o viaduto, Leirós elixiu tamén ao personaxe infantil Coca Simona para decorar unha das paredes da caseta.
A edil Teresa París entende que a iniciativa serve para mellorar o noso entorno ademais de apoiar aos artistas locais, e amosa a súa satisfacción polo resultado.