Unanimidade no Parlamento de Galicia para esixir a Audasa que atalle o ruído que soportan os veciños que viven ao carón da AP-9 tanto en Teis como en Chapela. Un tramo de autoestrada que segundo unha análise elaborada polo Ministerio de Fomento é o máis ruidoso de toda a AP-9 e o que xera maior contaminación acústica de toda a rede de autoestradas españolas en réxime de concesión.
PP, PSOE, Marea e BNG apoiaron unha proposta do grupo popular na que se reclama á concesionaria que “cumpra o seu compromiso” de instalar pantallas acústicas e adopte “medidas paliativas que minimicen” o problema, como un asfalto especial contra o ruído.
Unha moción que atende ás demandas reiteradas por parte de colectivos da parroquia viguesa e de Redondela, como a Asociación de Afectados pola Ap-9 ou a propia Asociación de veciños que fixeron esta reclamación en múltiples ocasións.
Pasarela
Por outra banda onte concluían os traballos de colocación da pasarela sobre a autoestrada que comunica o barrio da Igrexa co resto da parroquia. A pasarela peonil, que fora desmontada o pasado 20 de decembro para proceder a súa reforma e ampliación debía esta operativa o pasado día 9, pero non foi ata onte, máis dunha semana despois, cando os operarios acabaron os traballos de colocación. A ponte é moi empregada polos nenos que acoden diariamente ao colexio igrexa, motivo polo que o concello e empresa mantiveron en activo dura ten a última semana un servizo de microbús para todos os rapaces que querían evitar así ter que dar un rodeo para acudir as súas clases.