As bibliotecas municipais de Redondela veñen de organizar dous contacontos que teñen como obxectivo celebrar o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Mª José Martínez e Marisa Irimia serán as encargadas de achegar aos máis pequenos a figura da nosa internacional escritora a través das lendas, fábulas, humor e historias da tradición oral con dúas actividades que se desenvolverán en Chapela e Redondela.
O primeiro dos contacontos terá lugar o venres 10 de Febreiro, ás 18:30 h., Mª José Martínez desenvolverá a súa proposta “Rosaliando” na Biblioteca de Chapela. A actividade, que ten entrada totalmente de balde, está recomendada para a rapazada a partir dos 4 anos. O segundo contacontos está previsto para o venres 17 de Febreiro, ás 18:30 h. Desta volta será Marisa Irimia a que ofreza o seu espectáculo: “Contando con Rosalía”, na Biblioteca de Redondela, actividade recomendada para rapazada a partir de 5 anos e tamén con entrada libre e gratuíta.