O xurado destaca “a audacia estética do traballo e a suxestiva proposta para reinterpretar conceptos esenciais” no poemario “A caencia da fractura” presentado por Xubín. Este autor faise así merecedor da V edición do premio de poesía convocado polo Concello de Fornelos e a Asociación de Veciños O Cruceiro da axe para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír a promoción da poesía galega.
Isaac Xubín (A Coruña, 1978) é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e mestre en Política lingüística e planificación da lingua galega. Como creador publicou obras de poesía, entre as que cómpre salientar “Lisboa” e “Con gume de folla húmida” (XXIV edición do Lorenzo Baleirón, 2010), e de narrativa curta: “Château Bobcat” e “Le pied de Julien DuPuy” (ambos os dous primeiro premio do Certame Os Viadutos de Redondela). Elaborou o dicionario bilingüe galego-éuscaro e publicou traducións, entre as que destacan “Sete poetas vascos” e “Tempo de exilio”, de Joseba Sarrionandia, polos que gañou os premios de tradución Loís Tobío (2013) e Etxepare (2015) respectivamente. Na colección Narrativa ten publicado “Non hai outro camiño” (Xerais, 2016).
O premio inclúe a publicación da obra gañadora en Edicións Xerais e está previsto que o acto de entrega se celebre o 9 de abril no Multiúsos de Fornelos.