Máis de dous mil veciños saíron a rúa para protestar polos atrasos na construción do novo centro educativo e recalcar que non permitirán a apertura do terceiro carril da autoestrada ata que non se constrúa o novo colexio. Os veciños esixiron unha vez máis a reposición de servizos e as melloras de viais en compensación polas prexuizos que está a causar na parroquia a ampliación da autoestrada.
A manifestación, convocada pola Anpa do colexio Igrexa, a Asociación de afectados pola AP-9 e a Asociación de veciños, partiu ás sete da tarde dende a rotonda de acceso á autoestrada e percorreu a Avenida de Redondela en ambos os dous sentidos provocando importantes retencións de tráfico. A marcha estaba encabezada por rapaces e rapazas, alumnos do colexio Igrexa acompañados por membros da ANPA e país e nais que manifestaron o seu rotundo rexeitamento a que se abra o terceiro carril da autoestrada ata que non se traslade aos rapaces ao novo centro aínda pendente de construír e que, segundo os últimos datos achegados pola Consellería, non estará en funcionamento ata o curso 2019-2020. “Sentímonos estafados porque acaban de dicirnos que non se admite a lei Citroën e atrasan as previsións un anos máis. Non imos permitir nin que se abra o carril nin que se faga o muro. Ou aceleran o proceso de construción do colexio ou Audasa queda sen abrir o carril” sentenciaba dende a Asociación de Pais e Nais, Mónica Montes. No mesmo sentido manifestábase Pablo Martínez, pai de xemelgos que este ano deberían ser escolarizados neste centro educativo “non estou disposto a permitir que haxa nenos cun carril da autoestrada pegado as aulas, o principal é a seguridade e ningún muro é efectivo ante un camión a gran velocidade”. Máis curtidos nas protestas están os veciños que día tras día dende hai meses se manifestan nas inmediacións do Instituto. Gonzalo de Cabanas dubidada que a protesta sirva para algo malia ser multitudinaria “fan oídos xordos, temos que facernos oír porque parece que non nos escoitan”. Tamén na Asociación de veciños manifestaban a súa decepción ante as últimas noticias “estamos fartos de tanto engano dende o concello” explicaba Angeles Méndez. A manifestación contou cunha nutrida representación política, dende membros do PP con javier Bas a cabeza así como representantes de PSOE, AER, BNG e podemos Redondela.