Durante esta semana, do 20 ao 24 de febreiro, haberá unha programación especial na Radio Municipal de Redondela, que acollerá lectura de poemas, unha escolma de distintas versións musicais da poesía de Rosalía e un conxunto de entrevistas a distintos persoeiros da cultura galega. Pasarán polos micrófonos da emisora local o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, a coordinadora do proxecto de investigación Rosalía de Castro da Universidade de Compostela, María do Cebreiro, a cantante Najla Shami e o tamén músico membro do grupo galego-catalá Val das Mouras, David Fernández.
Con motivo da celebración do 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro o Concello de Redondela impulsa, dende o Servizo de Normalización Lingüística, unha serie de actos para honrar a memoria da escritora e impulsar os valores que representa: igualdade, feminismo, xustiza social, lingua galega e defensa de Galicia. Actividades todas elas que se desenvolverán entre o 20 e o 24 de febreiros e que inclúen unha programación especial na radio Municipal que emitirá, dentro do programa A Estación (11:00 a 13:00 horas) entrevistas a diferentes persoeiros da cultura galega. Ademais durante toda a semana poderanse escoitar versións musicadas dos textos de Rosalía.
Durante a semana o Concello pendurará no balcón unha lona referida a Rosalía de Castro e á lingua galega deseñada polo obradoiro de emprego “Emprega Xove” e o mércores 22 un grupo de escolares percorrerán o centro de Redondela para, ao son duns gaiteiros que interpretarán a Alborada de Rosalía, repartir poemas da autora homenaxeada.
Ás 12:30 diante do Concello lerase a Declaración Institucional polo Día de Rosalía de Castro, aprobada no pasado pleno por unanimidade, e haberá un recitado de poemas por parte do alumnado dos centros escolares de Redondela.
Por último, o propio día 24 repartirase nas rúas por parte do Concello de Redondela poemas de Rosalía e camelias como forma de participar nos actos promovidos pola Asociación Galega de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.