Emotivo acto o vivido na tarde de onte en Chapela. Centos de veciños concentrábanse na Alameda da parroquia para lembrar a María José Mateo, a muller falecida na explosión do pasado luns provocada supostamente pola súa ex parella, Emilio Fernández, tamén falecido no suceso. Á espera de que se produza a confirmación oficial de que se trata da segunda vítima da violencia machista no que vai de ano en Galicia, vanse coñecendo máis datos que apuntan a un feito premeditado por parte do home. A Marcha Mundial das Mulleres convoca tamén hoxe mércores outra concentración que terá lugar ás 20:00 horas no Museo marco en Vigo.
“Sesé” como era coñecida polos seus amigos, foi homenaxeada onte en diferentes concentracións en repulsa pola violencia de xénero. A máis emotiva tiña lugar ás 20:00 horas en Chapela, onde ao redor de mil persoas déronse cita na Alameda da parroquia a través das redes sociais para lembrar a María José e amosar a súa repulsa contra a violencia de xénero. Un dos momentos máis salinetables foi o protagonizado por unha das súas amigas, Lucía Montenegro, quen berraba que “é moi barato matar neste pais” e clamaba que “todos somos orfos” ante actos violentos coma este. Unha concentración que arrancaba xa pola mañá ás portas do concello con cinco minutos de silencio. Dende Sevizos Sociais, onde non hai constancia de ningunha denuncia por parte da muller, están en contacto coa familia “tanto para prestar apoio psicolóxico no caso de que o necesiten así como para preocuparnos pola situación do menor”. Un neno de 8 anos de idade fillo dos falecidos que no momento da explosión se atopaba na casa dos avós. A concelleira Teresa París confirma que non existe no Departamento de Servizos Sociais ningunha denuncia previa e fai un chamamento a todas as persoas que coñezan algún caso que poida derivar en violencia de xénero a que denuncien “porque un pequeno xesto ou chamada de atención pode salvar vidas”. De feito, diferentes testemuñas apuntan a que os falecidos na explosión, María José Mateo e a súa exparella Emilio Fernández Castro, estaban inmersos nun proceso de separación e que se tiñan producido ameazas con anterioridade. Ameazas que toman cada vez máis peso unha vez que tamén se confirma que o home comprara un bidón de gasolina e bombonas de butano, material que sería empregado para provocar a explosión e posterior incendio na vivenda. O goberno local, segundo explicaba a tenente de alcalde, Carmen Amoedo, está á espera de que se confirme que se trata dun caso de violencia de xénero, para convocar un pleno extraordinario e unha manifestación que se celebraría o vindeiro venres na parroquia de Chapela, lugar no que tivo lugar o terrible suceso na noite de onte. Unha confirmación que aínda non é oficial malia que o propio delegado do goberno apuntaba nas últimas horas que “todo indica que se trata dun caso de violencia de xénero, o segundo que temos na nosa comunidade este ano e o décimo segundo en España.