Cantante e compositora galega con raíces en Palestina e Arxentina publica no ano 2013 o disco Na lingua que eu falo editado por Galaxia no que afonda na obra da escritora Rosalía de Castro. Unha selección de dez temas que reúne sete poemas da autora galega con música orixinal, dúas novas creacións e unha revisión do clásico Negra Sombra.
Recoñece que interpretar a Rosalía “é unha honra ao tempo que unha presión” e reivindica o “sentido común” que existe nos textos da escritora, nomeadamente en poemas como a “A xustiza pola man”. Un disco cheo de mestizaxes “reflexo da miña propia historia” pero tamén porque recolle a un tempo a alegría do folclore galego e a melancolía dos textos rosalianos.