Veciños de diferentes parroquias de Redondela xa sentiron os efectos da última revisión catastral, coñecida xa como o “catastrazo”. Nos últimos días están a recibir as cartas certificadas da Dirección Xeral do Catastro coa actualización que afecta a numerosas vivendas do municipio. Na maioría dos casos fan referencia a alboios, cortellos ou galiñeiros construídos hai décadas.
As notificacións van acompañadas do cobro dunha taxa de 60 euros por ter acometido modificacións nas propiedades. Na maioría dos casos fan referencia a alboios, cortellos, alpendres ou galiñeiros que non estaban dados de alta no rexistro. Nas oficinas de recadación municipal multiplícanse estes días as consultas dos veciños afectados. O que máis sorprende aos afectados e que en moitos casos estas construcións levan feitas décadas. É o caso de Jose Antonio, un veciño do Viso, ao que reclaman varios alprendes que se construíron no eido da vivenda familiar hai case un século. Este afectado non comprende que non se fixese ningunha revisión “nos últimos cincuenta anos”. Ás oficinas de recadación na rúa Ernestina Otero acudiu tamén Jose para acompañar a súa sogra, á que lle notificaron unha modificación na súa propiedade. Correspondía a un galiñeiro construído hai 52 anos. Afirman sentirse “sorprendidos” e tamén molestos polo “afán recadatorio” da medida. Para Sefa e a súa filla Fita trátase dunha medida “inxusta”, xa que se trata de pequenas construcións moi antigas que son necesarias para dar servizo aos traballos da casa ou das leiras. Moitos veciños de Cesantes están a recibir tamén as notificacións estes días. É o caso de Concha, que advirte que a revisión é froito das imaxes recollidas polos operarios do Catastro nos últimos meses. Lembra que no seu barrio de Cesantes estiveron antes do verán facendo fotos” por todas as propiedades, e mesmo das caravanas instaladas en fincas próximas á praia”. Veciños de Ventosela, Reboreda e Chapela xa comezaron tamén a recibir as notificacións, e todo apunta a que nas próximas semanas chegarán á totalidade de veciños afectados. A revisión catastral vai supoñer un aumento da taxa anual do IBI, unha vez que se incorpore ás propiedades ese incremento patrimonial. Os afectados poden informarse nas oficinas de recadación municipal, na rúa Ernestina Otero, 35, de luns a venres en horario de mañá de 8.30 a 14.30 horas. E polas tardes de luns a xoves de 16.00 a 18.30 horas. Desde o BNG reclamaron xa ao Concello que se abra tamén unha oficina de información en Chapela.