Alternativa veciñal de Pazos de Borbén amosa a súa disconformidade co investimento de 220.000 euros na construción dunha senda peonil entre Amoedo e Pazos por entender que se trata dunha actuación innecesaria ao seren poucas as persoas que fan este percorrido e pé e por existir entre as dúas parroquias un tramo da antiga estrada en desuso que pode ser empregado para camiñar ou circula en bicicleta e cuxo acondicionamento requiriría dun mínimo investimento.
Pola contra, aseguran que hai infraestruturas que si son intensamente utilizadas por veciños e veciñas de Pazos de Borbén e que presentan unhas condicións e/ou un estado de conservación deplorable. Concretamente, o centro de saúde e o colexio público, que precisan con urxencia que se invista neles.
No caso de que o obxecto sexa mellorar a seguridade viaria propoñen que os cartos previstos pola Xunta para esta obra se destinen a reformar a estrada entre Amoedo e Os Valos que soporta un elevado tráfico (gran parte del de vehículos pesados), presenta un firme nun estado lamentable, é estreita, carece de beirarrúas…, e discorre, en gran parte do seu traxecto, polo medio das parroquias de Nespereira e Cepeda.