Estímase que serán ao redor de 4.000 as propiedades afectadas pola revisión do catastro en Redondela. Unha situación que está a desbordar o servizo de recadación “onde se está dando cita para dentro de dúas semanas cando o prazo para alegar é de tan só 15 días”. Ante esta situación o BNG abre o seu local na Praza da Constitución de luns a venres en horario de 18:00 a 20:00 horas, para informar e asesorar a veciñanza afectada. Esixen ao PP que cumpra o acordo plenario no que se aprobou abrir unha oficina de asesoramento en Chapela.
Explican os nacionalistas que son numerosas as consultas dos veciños que están a recibir a notificación do catastro. O primeiro que buscan é información sobre a propia notificación xa que na mesma só figura unha clave de acceso para acceder a páxina electrónica do catastro e unha taxa de 60 euros. Pero tamén teñen detectados erros como medicións a alza, valoracións excesivas, erros na titularidade das parcelas ou catalogación de alpendres como almacéns de uso urbano. Os afectados, ademais de ter que pagar a multa correspondente e que ascende a 60 euros, verán no futuro incrementada a taxa do IBI e incluso o catastro podería reclamarlles cantidades importantes con carácter retroactivo. Por este motivo animan aos veciños a achegarse a súa sede a informarse así de como presentar as alegacións correspondentes no caso de que teñan dereito. Explica o responsable local do BNG, Anxo Lusquiños que decidiron dar este servizo “coñecedores de que o servizo de recadación está desbordado, dando cita ata dúas semanas vista, cando o prazo de alegacións é de tan só 15 días”. Responsabilizan desta situación ao goberno local “por non cumprir o acordo plenario aprobado cos votos da oposición, no cal se instaba o goberno local a abrir dúas oficinas para informar e asesorar aos veciños e veciñas afectados, unha en Redondela e outra en Chapela”.