Entende a agrupación de electores que logo de que este servizo estivera en mans dunha empresa privada dende marzo de 2011, o pleno debe debater a súa remunicipalización, motivo polo que presentan unha moción neste sentido. Critican que dende o goberno se reducirá a nova contratación do servizo para evitar así ter que debater en pleno a súa concesión.
O contrato de “colaboración na xestión tributaria, censal, inspectora, catastral e recadadora” do Concello rematou o pasado mes de marzo. No mes de decembro de 2016 iniciouse o expediente para un novo contrato baseándose nun informe do servizo de Tesourería no que se sinala que “o Concello de Redondela carece dos medios persoais e materiais que lle permitan o desenvolvemento” deste servizo.
Aseguran dende AER que “para non ter que debater en pleno esta contratación, o equipo de goberno reduciu a duración do contrato a dous anos prorrogables a dous mais (1+1). Desta forma, evitan o debate plenario xa que a competencia de contratación pasa do Pleno ao Alcalde”.
Dende AER avogan pola remunicipalización dos servizos públicos esenciais do Concello, auga e lixo pero tamén do servizo de recadación como o inicio da posibilidade de que os servizos que presta o Concello os xestione directamente.
Ante a imposibilidade de que este contrato pase polo pleno, a Agrupación de Electores decide presentar unha moción “para ter o debate que nos usurpou o goberno local”.