A obra que levará a cabo o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) consistirá en reforzar a estrutura e realizar labores de mantemento nun viaduto que data de finais do XIX e que na actualidade ten que soportar o paso de trens máis pesados e a maior velocidade. O concello amosa a súa preocupación polo “elevado nivel de ruído que poidan provocar as obras” que se van prolongar durante un ano. A actuación conta co visto bo da Dirección Xeral de patrimonio xa que ao tratarse dun ben cultural esta intervención debe contar con autorización previa.
A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta deu luz verde a unha actuación de Adif e que afecta a un ben cultural inventariado como é o viaduto Pontevedra. Durante o vindeiro ano realizaranse traballos de mantemento e reforzo da estrutura da ponte co obxectivo de adecuala ás necesidades actuais de uso, xa que ten que soportar o paso de vagóns de maior tamaños e trens a maior velocidade. A obra inclúe o cambio de vía e o reforzo dos piares, segundo explicaba o edil de Patrimonio Arturo González, quen apunta que “logo da pequena actuación de mantemento que se fixera no 2012 agora acométese unha actuación de maior envergadura que conta cun orzamento próximo aos 2,5 millóns de euros”. A colocación das estadas poderían eliminar prazas de aparcamento nalgún momento puntual no campo da feira pero non se espera que afecte ao desenvolvemento de citas festivas como a Festa do Choco. O maior prexuizo que padecerán, sobre todo os veciños da zona, será o elevado nivel de ruído “consecuencia dunha actuación destas características nunha estrutura metálica”. A obra suporá tamén alteracións no tráfico ferroviario por mor dos traballos. Unha ponte ferroviaria de finais do século XIX que é un dos elementos patrimoniais máis importantes do municipio e que se someterá así a un lavado de cara. Non está decidido aínda a cor que se lle dará a este viaduto: manter o gris actual, optar polo verde que loce o viaduto Madrid ou se os técnicos de Adif elixirán outras cor para o seu acabado.