Ao berro de “Dirección dimisión” e baixo o lema “Pescanova somos todos” varios centos de persoas partían ás 20:00 horas dende as Catro Pontes en dirección a factoría pesqueira. Ambiente reivindicativo e festivo malia o sentir unánime dos traballadores de que “o conflito se vai prolongar” porque a día de hoxe “a situación segue moi enquistada”. De feito, sindicatos e dirección están chamados a presentar o vindeiro luns unha nova proposta “nun último intento” por achegar posturas.
Unha protesta a de hoxe convocada por colectivos sociais, veciñais e deportivos que querían así amosar o seu apoio aos traballadores da empresa sumidos dende hai máis dun ano na negociación do seu convenio colectivo. Unha negociación que malia contar coa mediación de Traballo non logra achegar posturas entre a dirección de Nueva Pescanova e os sindicatos. Tanto a empresa como as organizacións sindicais presentaron unha proposta o pasado 11 de abril ante inspección de traballo. Con todo, o mediador no conflito asegura que as posturas están tan afastadas que en base aos documentos presentados non hai posibilidade de acordo. Ante esta situación solicitou ás partes que presenten o vindeiro luns día 26 unha nova proposta “nun último intento”. Unha das traballadoras presentes na manifestación Ana Vázquez, explica que a precarización laboral para as novas incorporacións, cunha importante rebaixa nos seus salarios así como o feito de que se lles esixa unha flexibilidade horaria de luns a domingo son os puntos de máis difícil solución”. En canto aos traballadores en activo a maior escollo estaría na suba salarial “logo de anos cos salarios conxelados dende a entrada en preconcurso de Pescanova”. Ademais de representantes de colectivos sociais e asociación de veciños, entre os manifestantes había unha nutrida representación política, co alcalde Javier Bas portando unha das pancartas xunto con outros membros da corporación entre os que se atopaba o socialista Eduardo Reguera e Xoán Carlos González do BNG.