As obras de arte feitas con lixo xa se retiraron das rúas, como vén sendo habitual unha vez rematado o festival, pero este ano hai unha novidade: unha obra indultada que si ficará. Trátase da obra “Vaia cristo” do colectivo Berlarmixs, ubicada na base do cruceiro, destrozado hai uns anos para roubar a cruz de pedra, que está detrás da pista da petanca, preto do concello de Redondela.
A obra, unha cruz elaborada con cartón e papeis de revistas e xornais que se situou no cruceiro cuxo remate fora amputado hai anos, vai permanecer instalada no mesmo lugar ata que decidan restaurar o cruceiro ou até que aguante en pé, como arte efémera que é.
Chega así ao seu remate o Artelixo deste ano, unha edición que recupera participantes con máis de 50 obras feitas con lixo e máis de 20 participantes no Festival de clausura do pasado sábado, tanto no Parnalixo coma no o Sonalixo. Neste último, destacaron a estrea para a ocasión de dúas pezas musicais: unha a cargo dos nenos da unitaria de Ventosela (de entre 3 e 6 anos) que interpretaron a canción “Amodiño” que completaba a súa peza escultórica “O labirinto”, e outra a cargo da Escola de Música de Redondela que estreou a peza “Divagación sonora” composta por José Pérez e interpretada con instrumentos todos feitos de refugallo.
Desta edición 2017 tamén destacaron as novas categorías de Fotolixo e Lixotube e a acción de rúa Poesía para Peóns, que encheu de poesía os pasos de peóns da vila dos viadutos e na que participaron dúcias de escolares. En todas estas accións a organización popular do Artelixo quere destacar e agradecer a colaboración dos centros de ensino do Concello, que se implicaron e participaron activamente.