As queixas parten dunha nai que tivo que reclamar en varias ocasións que a ANPA do colexio de Reboreda lle fixera efectiva a axuda municipal. Explica a afectada que logo de coñecer que a axuda lle fora concedida e que os cartos estaban ingresados na conta da Asociación de Pais e Nais, dende a directiva da ANPA atrasaron o pago alegando que “traballaban e que lles resultaba complicado realizar os trámites”. Ante esta situación a nai afectada esixe do Concello que faga un seguimento das axudas concedidas para que ninguén teña que pasar novamente por esta situación.
A denunciante, quen prefire ocultar a súa identidade polos seus fillos, é unha muller que cumpre os requisitos para ser beneficiaria da axuda do Concello para o comedor escolar. Logo de solicitar esta axuda e coñecer que lle fora concedida púxose en contacto coa ANPA para saber cando lle serían abonados eses cartos. Entende que o lóxico sería que a propia Asociación, en canto recibise o ingreso trasladase eses cartos aos beneficiarios. Con todo, e ante a falta de resposta por parte da ANPA, decidiu acudir ao concello “informei por rexistro desta situación ata en dúas ocasións, sen que houbera resposta por parte dos responsables municipais” asegura.
Explica tamén que acudiu ao BNG “quen intercederon por min e lograron finalmente que me chegase a axuda, aínda que con mes e medio de atraso”.
Responsabiliza da situación á ANPA do colexio de Reboreda por reter eses cartos na conta da asociación e critica a “irresponsabilidade do Concello por non facer un seguimento das axudas concedidas”.