A súa retirada supón un custe, un esforzo e tamén un motivo de polémica pola forma na que este traballo se realiza. Dende a Asociación de Veciños de Cesantes entenden que a súa acumulación durante días en colectores na propia Praia provoca “cheiros insoportables nunha zona moi empregada polos bañista e a xente que se achega ao areal”. O concelleiro de medio Ambiente, Miguel Angel Alvarez, escúsase “hai que deixalas secar, senón a súa retirada sería moito máis custosa xa que o seu traslado cóbrase en función do seu peso”.
Recoñece o edil que combinar medio ambiente, turismo e marisqueo fai complexa a xestión deste areal de Cesantes, unha Praia de referencia para todos os redondeláns e cuxo acondicionamento estes días está a provocar a polémica logo de que na fin de semana unha retroexcavadora desprazase a area da zona alta da Praia cara a beiramar, unha acción que dende Medio Ambiente está avalada polos técnicos “tamén consultada coa propia Confraría, quen asegura que mentres non se toquen os bancos marisqueiros non ten efectos negativos”. Con todo, máis aló das actuacións puntuais dende o Colectivo veciñal da parroquia critican a acumulación de algas en colectores durante días o que provoca cheiros insoportables. “É a mellor opción, xa que hai que deixar secar as algas para que pesen menos”. Denuncian tamén que na súa retirada os camións acaban levando grandes cantidades de area. Alvarez Ballesteros explica que as labores de retirada fanse co maior coidado posible “incluso se deixan as algas que están máis afundidas para evitar precisamente que esa limpeza conleve a retirada de area”. Sobre as obra realizadas por particulares a pé de praia o Concelleiro prefire non facer valoracións “se contan cos permisos pertinentes de Costas e urbanismo, nos non temos nada que dicir”.