Empanadas, carallote en salsa e arroz caldoso son os apetitosos pratos que se poderán degustar este domingo na lonxa de Cesantes, espazo que acollerá a segunda edición desta cita gastronómica na que se servirán 1.300 kilos de carallote ou longueirón vello. Unha festa que nacía o pasado ano para promocionar o produto e que foi todo un éxito “as dúas da tarde estaban esgotadas todas as existencias” explica o patrón maior Clemente Bastos. Os actores Miguel Borines e Tatán serán os encargados do pregón.
Cesantes acolle este domingo a II edición da Festa do Carallote ou Longueirón, unha cita coa que queren impulsar a venda e o consumo deste produto “dunha calidade excepcional” segundo confesa o patrón maior Clemente Bastos quen insiste en que nada ten que envexar a navalla que que está vindo de Holanda. Como novidade desta edición os organizadores apostan por unha nova oferta gastronómica: o arroz caldoso con carallote, unha proposta que se engada ás xa presentes na edición anterior, o carallote en empanada ou a prancha. A cita arrancará ás once da mañá nunha carpa que se instalará no peirao e o pregón correrá a cargo dos actores Miguel Borines e Tatán, do grupo de títeres Tanxarina. O longueirón, tamén coñecido como carallote, deixou de capturarse durante 20 anos polos baixos prezos que as mariscadoras obtiñan coas súas capturas. Sen embargo, hai tres anos e logo dunha tempada desastrosa no marisqueo pola elevada mortandade do berberecho, as mariscadoras tiveron a idea de recuperar este produto. Un molusco, semellante a navalla, “de altísima calidade e sabor peculiar” que agora está a recuperarse cun incremento notable das ventas con destino a Madrid e Barcelona. Para animar tamén aos veciños a consumilo, a Confraría decidiu organizar esta festa que o ano pasado esgotou todo o produto, polo que nesta edición pásase dos 900 kilos aos 1.300. Os pratos ofreceranse a prezos económicos: 5 euros a ducia e 3 euros a ración de empanada, empanada que se pode comprar tamén por 12 euros o kilo. A cita estará amenizada polo grupo de gaitas “Airiños de San Simón” e a actuación a partir das 16:00 horas do grupo 3.com.