O método Montessori caracterízase por crear un ambiente que favoreza a autonomía dos e das cativas. Unha pedagoxía que vén de lonxe (a primeira escola Montessori comezou a funcionar no ano 1907), pero que nos últimos tempo está a ter maior predicamento entre pais e nais que buscan facilitar o desenvolvemento das capacidades intelectuais, sociais e físicas dos nenos. Sara Pena, especialista neste método, será a encargada de impartir o obradoiro que organiza o servizo de Normalización Lingüística e que vai ter lugar o martes 13 ás 18:30 horas no Campo da Petanca. No caso de chuvia trasladarase o obradoiro ao Multiúsos.
Nun mundo no que os nenos están cada vez máis sobreprotexidos e onte se tende á sobreinfantilización dos cativos, a pedagoxía Montessori cobra forza e cada vez son máis os pais, nais ou educadores que recuperan esta pedagoxía baseada no respecto polo menor e que busca “facilitar que sexan eles mesmos os que descubran o mundo que os rodea”. Este método avoga por crear un ambiente no que cada elemento ten a súa razón de ser para o desenvolvemento do neno, animándoo a explorar o mundo a desenvolver habilidades cognitivas básicas. O adulto asume neste ambiente un papel de observador e guía. Ademais de falarse do aspecto teórico desta metodoloxía, Sara Pena achegará aos asistentes actividades, xogos e técnicas de sinxela aplicación para incentivar a autonomía dos nenos.