A moción, que partía dos propio colectivos e que chegaba a pleno da man de AER, establece que de xeito inmediato se proceda por parte do goberno local a destinar un espazo no Multiúsos da Xunqueira para que poida sen empregado polos colectivos do concello. Propón como posibilidade a coñecida como aula da cafetería “por contar con almacén e acceso exterior”. O PP votou en contra alegando que “as aulas propostas están sendo usadas actualmente polo que non se poden ocupar con outras actividades”.
A petición chegaba ao pleno da man da Agrupación de Electores aínda que parte das propias asociacións (Xente Titiriteira, Alén Nós ou o Colectivo Republicano, un de cuxos membros, Markos Lareira, foi o encargado de ler a moción) que precisan dun local no que se reunir, gardar a súa documentación e organizar os seus eventos. Unha necesidade que todos os grupos da oposición entenden imprescindible e á que hai que darlle resposta de xeito inmediato. De feito, dende o BNG aseguran que “os colectivos foron pacientes e agardaron a que o goberno cumprira o seu compromiso de facilitarlle un local, pero que agora xa están fartos de esperar” polo que esixen que se atenda a súa demanda de xeito inmediato. Explican dende AER que “a este necesidade histórica do asociacionismo redondelán hai que engadir no momento presente que en breve diversas asociacións teñen que deixar de empregar as casas dos Mestres ante a realización de diferentes obras”. Xosé Covelo entende ademais que “dar resposta a este problema é unha cuestión de vontade política e de doada solución”. Aproveitaban tamén dende o PSOE para criticar “a infrautilización de espazos como o Multiúsos que dende a supresión das escolas municipais de pintura e teatro entre outras actividades está practicamente baleiros”. Dende o PP negan rotundamente que non se estean a empregar as aulas e diferentes espazos existentes no Multiúsos e critica á oposición “por crear alarmismo entre os colectivos, xa que non hai previsión dun desaloxo inmediato das antigas casas dos mestres ocupadas por algunhas destas asociacións. Reiteraron o seu compromiso de “buscarlles un espazo alternativo para que poidan desenvolver a súa actividades” pero votaron en contra da proposta “porque a solución non pode ser a tan curto prazo como se demanda na moción”.