O convento de Vilavella acolleu a entrega dos premios literarios Os Viadutos. Un acto que contou coa presenza do gañador desta edición, Daniel Martínez Mariño, de Ares (A Coruña), quen se fixo co galardón co seu traballo titulado “O profesor de piano”. O segundo premio foi para Antía Yañez Rodríguez, de Cambre (A Coruña), polo seu relato “Pobonovo”. Os accesits concedéronse á lucense Beatriz López Dorado, pola obra “As vacas non usan stilettos”, e a Roi Vidal Ponte, por “As tres mortes (por asfixia) de Ester V. Lavandeira”.
Unha entrega de premios que contou coa presenza do alcalde, Javier Bas, o concelleiro de xuventude, Julio Mougán así como o director de Galaxia, Francisco Castro, quen destacou a “temática social” dos catro relatos elixidos polo xurado. Un xurado integrado por tres mulleres Beatriz Fernández Barciela, Dolores Villanueva e Ledicia Costas. A obra O profesor de piano fíxose merecedora do primeiro premio “un relato ben construído e con moita forza narrativa, no que destacan os seus personaxes consistentes que evolucionan a través da obra polo contacto que establecen entre eles, segundo salienta o xurado. O seu destino muda na medida en que as súas vidas se cruzan no momento en que se van desvelando os seus segredos. A violencia machista como drama vivido en silencio non só pola protagonistas, tamén pola sociedade cómplice. Vidas atormentadas que o autor dosifica na trama con intelixencia e así mantén a intriga ata o final. Parco en palabras, o seu autor tamén desvelaba algunhas das claves deste relato no que a violneica machista está moi presente. O segundo premio foi para “Pobonovo”, un relato sorprendente pola súa orixinalidade, polo novidoso tratamento do humor aplicado á política e á sociedade actual. En poucas páxinas e capaz de mostrarnos a decadencia do rural galego, o estado do xornalismo, o rexeitamento do novo ou a aversión das persoas ao cambio. O xurado apunta como un dos aspectos máis atractivos desta obra o uso da retranca, o xeito intelixente de desenvolvela e a parodia que fai do sistema. Antía Yáñez facía na súa intervención unha defensa do rural e dos seus habitantes “unha poboación en moitos casos avellentada que adoece dos mesmos prexuizos que os habitantes de calquera punto do mundo”. Beatriz Fernández era a encargada de presentar o relato “As vacas non usan stilettos” galardoado cun acessit, Un texto de denuncia da violencia machista que nos achega á realidade da muller occidental pero tamén doutras latitudes. A galardoada lembraba que o seu texto naceu dun feito verídico “cando atopou nas redes sociais un vídeo que recollía como unha vaca arremetía contra un home por ter propinado unha malleira a unha muller”. Dolores Villanueva presentaba a Roi Vidal cuxo texto “As tres mortes (por asfixia) de Ester V. Lavandeira” conforma tamén ese libro no que se recollen os catro gañadores desta edición. Un relato que segundo o seu autor é unha “distopía machista”.