O mes de xuño pecha con 250 parados menos na nosa bisbarra. Especialmente salientable é o caso de Redondela, concello que experimenta o maior descenso e encadea tres meses consecutivos de caída aos borrarse das listas do desemprego un total de 166 persoas. Malia que a día de hoxe aínda son 1920 persoas as inscritas como demandantes de emprego logra caer por baixo dos dous mil. Soutomaior, Pazos e Fornelos reducen tamén o número de parados nos seus municipios.
A baixada do desemprego en todo o estado e particularmente en Galicia, terceira comunidade na que máis se reduciu o número de desempregados no pasado mes de xuño, constátase tamén na nosa bisbarra. Así en Soutomaior eran 621 as persoas inscritas nas listas do paro ao remate do mes de xuño, 45 menos que no mes anterior. No caso de Pazos de Borbén o número de desempregados é de 324, 27 menos que no mes anterior e o descenso en Fornelos foi de 12 persoas, con 170 inscritos actualmente.
Con todo, o dato máis salientable atopámolo en Redondela, onde foron 166 as persoas que se borraron da lista do INEM, o que supón que o número de desempregados se sitúe nos 1.920, baixando dos dous mil por primeira vez en anos e moi afastados de tres mil desempregados que había no 2013.