Os traballos consistirá na construción dunha pasarela de granito e loseta no lado dereito da ponte sobre o río Alvedosa que permitirá aos peóns circular por esa marxe que até o momento carecía de beirarrúas. A obra contará cun orzamento de preto de 165.000 euros e comeza a súa exposición pública durante 20 días.
O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, presentou este martes a última fase das obras de remodelación da ponte dos Pasais na estrada PO-250, xunto ao alcalde de Redondela, Javier Bas e a concelleira de Obras e Servizos, María José Barciela. Os traballos consistirán na construción dunha pasarela peonil de granito e loseta na marxe dereita da estrada que comunica Redondela con Pazos de Borbén e que completará as obras que foran aprobadas en 2012 e nas que só se recollía a execución dunha beirarrúa na marxe esquerda o que obriga aos viandantes a cruzar a estrada para poder circular con seguridade pola zona. O alcalde Redondela destacaba a complexidade desta obra que rematará co perigo que supuña esta estrada tanto para os peóns como para os condutores. López-Chavez subliñaba a importancia do proxecto para finalizar coa execución das medidas para garantir a seguridade viaria neste tramo da PO-250 sobre o río Alvedosa. Coa construción desta pasarela peonil rematan uns traballos que comezaron en 2015 e consistiron no ancheamento da estrada de dous carrís de cinco a sete metros e a construción dunha beirarrúa na marxe esquerda de 2,25 metros. Agora o proxecto continúa a súa tramitación administrativa coa exposición pública durante 20 días e presentación de alegacións. Finalizado este prazo e cos informes técnicos procederase á licitación da obra por parte da Xunta de Galicia.