A Illa acollerá o vindeiro domingo, 16 de xullo, a xornada en homenaxe ás vítimas do terror franquista que cada ano organiza a Iniciativa Galega pola Memoria coincidindo coa data en que tivo lugar o golpe de Estado. A xornada terá un carácter reivindicativo e estará dedicada aos cárceres e campos de concentración que os golpistas habilitaron nas distintas cidades de Galiza para confinar ás persoas que defenderon a legalidade republicana, ente eles a propia Illa de San Simón.
Preto de catrocentas persoas xa contactaron cos colectivos agrupados na Iniciativa para reservar praza nos barcos que, desde ás nove e media da mañá, partirán do porto de San Adrián de Cobres, no Concello de Vilaboa, para cubrir o traxecto ata a illa.
O acto central da xornada será ás doce do mediodía na illa de Santo Antón e contará coa intervención da escritora Susana Sánchez Arins.
Un acto reivindicativo nun lugar emblemático como é a illa de San Simón, todo un símbolo tanto do que supuxo a represión franquista como da resistencia que, pese ao que se acostuma pensar, opuxo o pobo galego ao golpe, así como da solidariedade que, cos presos do Lazareto amosaron moitas persoas da contorna e moi especialmente as mulleres, que lles levaban comida, roupa limpa e consolo.
Este espazo foi campo de concentración entre 1936 e 1943 e nel estiveron máis de 6.000 persoas confinadas. Dende a Iniciativa galega pola memoria volven critiar que “o actual goberno galego desmantelara a política de memoria que se iniciara no ano 2006 neste lugar simbólico coa súa declaración como Illa da Memoria por parte do bipartito que ademais puxo en marcha, da man dos colectivos, numerosas actividades de homenaxe e difusión relacionadas coa recuperación da memoria histórica das vítimas do franquismo. Iniciativas que foron eliminadas a partir do 2009, baleirando o actual goberno a illa de calquera contido relacionado co seu pasado como campo de concentración franquista”.
Así, o acto do 16 de xullo servirá para reivindicar unha vez máis a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego, baseada no respecto aos dereitos humanos e particularmente ao dereito á verdade, á xustiza e á reparación, o que obrigatoriamente debe ir aparellado coa derrogación da lei de Amnistía de 1977 e a anulación dos xuízos e condenas ditadas por tribunais franquistas. Tamén, que se recupere a denominación oficial de San Simón como Illa da Memoria, converténdoa de novo en espazo simbólico da memoria colectiva da represión, a resistencia e a solidariedade, no que se desenvolva un programa anual de actividades centradas nesta temática.