Non é a primeira vez nin parece que vaia ser a última. No último pleno municipal abordouse unha vez máis dúas demandas que veñen de lonxe e que afectan aos colexios públicos do municipio. Concretamente ao Colexio de Santa Mariña, centro que carece de patio cuberto “o que supón que o seu alumnado, máis de 400 alumnos, non poida saír ao patio nos días de chuvia”. No caso de Quintela a comunidade educativa segue esperando que se substitúa a súa cuberta, construída con amianto “material potencialmente perigoso” e que fora reparada “provisionalmente” logo de que os temporais do ano 2011 levantaran parte dese tellado.
Dúas reclamacións que chegaban a pleno da man do PSOE. O seu voceiro, Eduardo Reguera era o encargado de trasladar a demanda ao resto da corporación solicitando o seu apoio para lle esixir a Xunta que acometa estas obras. Numerosas iniciativas e mobilizacións, mocións, recollida de sinaturas, concentracións ante o concello preceden a esta nova petición que era aprobada por unanimidade. O concelleiro Enrique Fojo salientaba na súa intervención o “abandono das institucións por deixar de investir nos colexios públicos a favor dos privados”. No mesmo sentido manifestábase o nacionalista Xoán Carlos González quen entende que “a política do PP busca deteriorar o ensino público”. En referencia ao Colexio de Quintela, que segue co tellado construído con amianto malia tratarse de “material potencialmente perigoso”, aventuraba o edil que o obxectivo da Consellería é pechar o centro a medio prazo. Falaba tamén de “represalia” por parte da Xunta cara estes centros “cuxas ANPAS téñense mobilizado e ven como se lle negan investimentos”. Dende AER, Ricardo Figueroa aplaudía tamén a proposta que de xeito periódico chega ao pleno sen que se obteñan resultados positivo. Os populares malia votar a favor da moción do PSOE, rebaixaron a urxencia de cambiar a cuberta do colexio de Quintela xa que “logo de reunirnos coa dirección do centro en ningún momento se nos trasladou como prioritaria a substitución do tellado e si outras cuestións como o servizo de comedor ou o servizo de autobuses”. Negaba tamén Carmen Amoedo ningún tipo de represalia por parte da Xunta “no Colexio de Santa Mariña veñen de investir 30.000 euros para ampliar a zona de patio”. Na súa intervención final Reguera volvía insistir na necesidade de acometer dúas obras “cuxo custe non é tan elevado” e criticaba que dende o PP se invistan grandes cantidades en financiar o ensino concertado e privado e non se acometa obras como as demandadas.